A do Xallas, no Ézaro, seguramente teña o privilexio de ser a única fervenza no mundo que vai acabar dire
ctamente no mar… e tamén a única que só o fai algúns domingos de 12 a 2 por obra e gracia de Ferroatlántica e, mediante a inauguración do incombustíbel, don Manuel. Aínda recordo cando pasaba por alí, de pequeno, e non se vía nin unha pinga de auga do que debía ser un espectáculo único e irrepetíbel que eu tiña, coma quen di, á carón da casa. A solución: pensei nela moitas veces… e, aínda agora, o fago. Galiza é un sitio distinto, iso está claro.
Deixo un artigo de Vieiros no que falan do tema con motivo do roteiro que organiza Adega.
O Xallas é o río con máis potencia hidroeléctrica instalada na bacia Galiza-Costa. Porén, na actualidade aínda está ameazado polos obxectivos económicos de Ferroatlántica, que ten proxectos para a construción de outras tres novas centrais nun treito do Xallas que xa conta con cinco aproveitamentos hidroeléctricos e catro encoros.
O colectivo ecoloxista Adega, quen xa denunciou en varias ocasións que a concesión de novos aproveitamentos neste río impiden a capacidade da súa recuperación ambiental comprometendo gravemente a súa viabilidade ecolóxica, organiza este domingo un roteiro reivindicativo en defensa do Xallas.
Esta será a última rota que organiza Adega este ano, despois de percorrer diferentes territorios naturais da nosa xeografía. Dende o colectivo subliñan que “a paisaxe e a natureza destes lares é espectacular” e que o camiño ofrecerá a posibilidade de observar algúns dos poucos treitos de río virxes que se conservan ou contemplar a Devesa de Anllares, única por ser o bosque atlántico máis occidental de Europa.
O inicio do roteiro terá lugar en Ponte Olveira, no límite entre os concellos de Mazaricos e Dumbría, se ben hai autobuses que saen dende Lugo (Escola de Maxisterio) e dende Compostela (Pazo de Congresos). O percorrido será aproximadamente de 15 quilómetros á beira do Xallas, de dificultade media-baixa e trazado suave.